Enquisa para a diagnose da convivencia nos centros.

O informe sobre a ‘Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015 2020, educonvives.gal’, é unha folla de ruta que pretende guiar e abordar desde un punto de vista integral no próximo quinquenio a aplicación da normativa publicada neste eido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Búscase garantir un bo clima nas aulas, conscientes de que se trata dun factor imprescindible para a mellora da calidade educativa, para garantir o éxito escolar e para facilitar o labor docente. O obxectivo desta estratexia é, polo tanto, fornecer o profesorado, nais, pais e equipos directivos – fundamentalmente- dunha serie de recursos que lles permitan abundar na mellora da convivencia escolar e desde a óptica integral e inclusiva. Nesta liña búscase facilitar orientacións para actuar con rapidez diante de eventuais situacións problemáticas para a convivencia, así como a súa prevención a través de formación en materia de saúde, identidade de xénero, identidade dixital -uso de redes sociais, etc -, ou loita contra o racismo e a xenofobia.

A nova iniciativa centra a atención na formación e coordinación de todos os axentes implicados – profesorado, familias, docentes, alumnado, outras institucións…- e na difusión de boas prácticas e casos de éxito para a mellora do clima de aula en Galicia.

Así mesmo, establece a diagnose da situación de convivencia a través dunha enquisa específica, que se irá actualizando co establecemento dunha recollida de datos rutinaria; así como a creación dun fondo documental especializado neste eido e de modelos normalizados que permitan axilizar a tramitación das posibles situacións de conflito.

Este documento será o primeiro que avalíe o Consello para a Convivencia Escolar de Galicia que, tras a súa creación ao abeiro do decreto polo que se desenvolve Lei de convivencia e participación da comunidade educativa, se constituirá nas próximas semanas. Neste sentido a Estratexia prevé potenciar o papel vertebrador deste órgano de carácter consultivo e de apoio a toda a comunidade educativa no que se refire a esta materia, en especial, no que atinxe á colaboración con outras administracións implicadas na tarefa de mellorar o clima das aulas. De feito, entre outras entidades e expertos, estarán representadas neste consello as consellerías de Sanidade, Traballo e Benestar e Cultura e Educación.

Próximamente as familias recibiremos un enlace e unha clave para realizar unha breve enquisa online. Esta clave escóllese de xeito aleatorio co cal o anonimato estará garantido. Comunícannos dende o centro que de non ter acceso á rede dende casa, poñerán a disposición das familias un ordenador no centro.

WordPress Themes